Ventanas

Miremos a través...

Inicio > Historias > Darwin no Castelo de San Antón: creatas, ite domum

Darwin no Castelo de San Antón: creatas, ite domum

No partido da historia, o Castelo de San Antón sempre xogou na defensa. Na súa cativa illa, no medio do mar pequeno da badía da Cruña, dende o seu nacemento tivo a misión de defender a cidade, cos seus canóns e os seus artilleiros, dos ataques por mar.

En solitario, o castelo de pouco vale. Boa proba foi o asalto de Drake, quen evitou os disparos dos cañóns bordeando a ría pola outra banda, fora do alcance da artilleria, ata chegar salvo ó areal de Oza.

Pero máis tarde, cando se edificou o castelo de Santa Cruz e ambolosdous cruzaron os seus tiros combinados, a badía fíxose inexpugnable.

Hoxe, malia a que os vellos canóns de San Antón só disparen pensamentos e lembranzas doutros tempos, o castelo, convertido en museo, sigue na guerra. Nunha guerra de pensamento, de lembranzas e, neste caso, doutros tempos.

Porque propios doutros tempos son as sinrazóns e falsos argumentos do furibundo e organizado ataque dos rancios fundamentalismos á teoría da evolución, ó arbre crecido da semente que plantou Darwin hai cáseque douscentos anos. Tan vella é esta guerra.

E nela estamos, como sempre estivo o castelo, non á defensiva, pero sí na defensa. Hoxe toca defender a Darwin nesta guerra de tempos caducos, e defendémolo cruzando tiros con outros colegas, disparando entre todos, desde os vellos canóns, lembranzas, pensamentos e razóns.

Será o venres día 8, ás sete e media do serán. No Castelo de San Antón, atendendo á chamada do Darwin's Day. Adiantamos un chisco a celebración: pensamos que o venres 8 é millor momento para case todos que o martes 12 de febreiro, data na que se cumplen 199 anos do nacemento de Darwin e 149 da publicación de A Orixe das Especies.

Celebrámolo cunha tertulia aberta, sen grandes formalismos, na que todos, os invitados específicos e os invitados xenéricos, que son todos vostedes, falemos aberta, confiada e amistosamente de Darwin, das dificultades da entrada das súas ideas en Galicia, do desenvolvemento do coñecemento sobre a evolución dende entón ata a actual teoría sintética.

Tamén das pegadas dos antigos seres vivos, pequenos coma as diatomeas ou grandes coma os osos das cavernas, que houbo hai milleiros ou millóns de anos en Galicia; e da aparición dos homínidos, e das transformacións destes ata chegar a nós mesmos.

Falaremos da importancia que todo iso tivo e ten para a comprensión lúcida da humanidade no universo; pero tamén dos que se opoñen a esa visión dende a irracionalidade, do Intelixente Engano que nos venden como Deseño Intelixente, do movemento de fundamentalistas organizados que responde ó nome de creacionismo. E da necesidade urxente de difundir a teoría da evolución entre a poboación.

Nesa tertulia, á que invitamos ó lector, contaremos coa presenza de expertos relevantes nas materias sobre as que imos falar. Salvo imprevistos, estarán connosco, por orde alfabética de apelidos:

- Roberto Bao, Profesor Titular de Paleobioloxía da Universidade da Coruña

- Ernesto Carmena, biólogo, autor de "El creacionismo ¡vaya timo!", publicado por Ed. Laetoli

- Xosé A. Fraga, doctor en Bioloxía e historiador da ciencia, especialista na recepción do darwinismo en Galicia no século XIX

- Aurora Grandal, Profesora Titular de Historia da Terra e Paleontoloxía da Universidade da Coruña e Secretaria do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal

- Equipo de Do the evolution, programa universitario de radio pioneiro na divulgación da evolución e a bioloxía en xeral

E vostedes, claro, que son os importantes e os que darán sentido a este acto de defensa e, sobre todo, de afirmación.

No Castelo de San Antón, o venres oito de febreiro, ás sete e media do serán. Vémonos alí.

(Fusilado de Quotidianum)

2008-01-31 09:29 | 0 Comentarios


Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://ventanas.blogalia.com//trackbacks/55230

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.234.65.78 (b8f3aa7312)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?

portada | subir

Todas las fotos están sujetas a copyright. Queda prohibida su reproducción y/o copia sin autorización de la autora